Presentación

O presente programa de doutoramento está encamiñado a formar investigadores e tecnólogos no campo da Física Nuclear e de Partículas e Astropartículas tanto teórico como experimental. Tradicionalmente na USC esta formación foi impartida dentro do Programa de Doutoramento Física de Partículas e Dinámica Non Lineal que se extinguiu no curso 2008-2009. Por outro lado, a temática do programa de doutoramento axústase en gran medida os intereses científicos do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), ao que pertencen a maior parte dos profesores da titulación e do que recibe o seu total apoio.

O programa de doutoramento proporciona ao estudantado unha oportunidade única de entrar en contacto coa investigación que  se realiza no departamento de Física de Partículas, o que da acceso a unha ampla oferta de campos de investigación. Asimesmo, neste programa, o estudantado poderá orientar a súa formación cara as aplicacións tecnolóxicas máis importantes da Física Nuclear e de Partículas nos campos da radiomedicina e da industria en xeral. O programa proporciona fundamentos adecuados que facilitan o concurso a convocatorias oficiais de radiofísicos hospitalarios (RFIR), o acceso a programas de técnicos en grandes centros de investigación (CERN, GSI, FAIR, DESY...) , a supervisor de instalacións radiactivas, etc.