Twitter

Presentación

INVITACIÓN A MASTERCLASS

Un ano máis o departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Sociedade Europea de Física e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), organiza unha xornada ou "Masterclass" de actividades relacionadas coa Física de Partículas destinada a estudantes de bacharelato. Dita xornada, denominada "Física de Partículas coas mans", consistirá nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas actual, ademais dunha práctica por ordenador realizada en grupo, os resultados da cal serán discutidos mediante videoconferencia con outros centros europeos que organizaron simultaneamente unha xornada idéntica. Debido o interese dos centros de bacharelato nas convocatorias previas este ano organizaremos novamente esta xornada o vindeiro xoves 6 de abril de 2017.

O número de estudantes nesta quinta convocatoria está limitado a 50. Sen ningunha dúbida será unha experiencia inesquecible para eles, porque tomarán parte nun simulacro da actividade científica profesional. Por iso desexaríamos contar con dous estudantes do último curso de bacharelato do seu instituto ou colexio. Deste xeito acadaremos unha representación ampla, e para eles será un aliciente engadido coñecer e compartir a xornada con estudantes doutros centros. Consideramos importante contar con estudantes que poidan aproveitar a experiencia, valorando principalmente a afección pola ciencia, e o coñecemento do inglés, importante para a realización da videoconferencia. A selección dos candidatos deixámola enteiramente á súa discrecionalidade.

A organización farase cargo da manutención (xantar), pero non do transporte ata a facultade. O profesor/a acompañante pode acompañar os estudantes e asistir, e incluso participar activamente na xornada, se así o desexa. Deberá indicalo na solicitude (para reservar o xantar).

Se desexan participar nesta experiencia deben enviar o formulario de inscrición electrónico que se atopa nesta web, cos datos requiridos antes do luns 27 de marzo de 2017. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada priorizándose a centros que participen por primeira vez. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas nesta ocasión serán consideradas para a seguinte.

 

Organizan :

 

  • Cibrán Santamarina Ríos
  • Diego Martínez Santos
  • Xabier Cid Vidal
  • María Vieites Díaz
  • Julián García Pardiñas
  • Veronika Chobanova
  • Martino Borsato
  • Miguel Ramos Pernas
  • Miriam Lucio